veneración de Venus

Salvador Dalí

no río que devala silente baixo a ponte,
os corpos que a ruína, amante, posuirá,
son hoxe un esplendor de luces e ledicia,
un signo de que as horas tamén se despregaron
soñando este momento, o mesmo en que te adentras
feliz por entre as augas
e eu brindo por ollarte espida a regresar,
cristal que opaca o brillo deste agosto

se vertes dos teus cántaros con augas olorosas
esencias de xasmín
e as longas singraduras de brétema e inverno
concentras nunha caixa enferruxada
lerei só para ti os cánticos de Safo,
na pel che deitarei aceites perfumados

oh aqueles que traidores deixaron de servir
o rito do misterio
oh aquelas xa do enigma abandonadas

na umbría na que durmo toda a sombra che pertence