Nas chagas que o camiño foi pondo sobre a pel
houbo neves que xamais se derreteron,
vocábulos baleiros, linguaxe enfeitizada,
deitados baixo o astro brillante do abandono,
Saturno, o noso amigo.
Oh épico e feliz o tempo aquel de hortensias.
Eu era un bardo vago e músico de rúa,
na insomne escalinata de luz do pentagrama,
tomando un barco antigo, cruzando unha lagoa.
Que eran eses signos de esféricos percursos
os buques afundidos, as praias sen acceso
un código roubado ás brétemas do ocaso
a fórmula cifrada do voo da eternidade.