Un día no que alguén sentiu a sede ignota
dos aires que nos levan ao indómito fracaso
o rostro debrucei na palma das túas mans
no centro da enramada das árbores dun soño,
sen outra perspectiva que gándara gloriosa.
Non era máis que tempo, espido e sen linguaxe,
resquicio dunha antiga, caída construción,
cumprindo unha condena de néboa na existencia,
as sombras do que fora un barco abandonado.
Acordes de outonía, silencios de metais,
felices no vagar, errantes neste voo,
acaso atraizoaron o brillo da memoria,
tinxida de horizontes e chairas e distancia,
as nubes debuxando efémeras paisaxes.
Mais eu, que estaba alí, cos ollos opacados,
sen luces que ferisen solemnes a paixón,
entrei por unha porta e vin nun bosque antigo
vapor de melodías, borrallas e derrotas.