Das fliegende hollander (O holandés errante)

holands_thumb

A nave esmacelada, as velas afundidas
na antiga desventura, no íntimo desastre
dos ecos da soidade, aquel reverberar 
que agora rexe a terra sen lei e sen afecto
como un pó que o vento fose solitario a esparexer
sedento como o sal e triste tal Saturno…

a nave esmacelada, digo, insisto,
chegou ao porto ingrato das últimas feridas,
despois de andar perdida nos pánicos da néboa,
na sombra a cunca erguida de brindar,
na voz unha laranxa florecida
en maios que pasaron e perdemos.

Coñece ben o río destas augas,
o xeito en que a harmonía dos astros nos convoca
a un tempo de esplendor
a década que dorme no fondo dos faiados
desde hai séculos e séculos.

Non son máis que dez anos
ou cento vinte meses,
dous lustros de instaurar
a antiga redención.

A nave esmacelada na antiga desventura.

As velas afundidas no íntimo desastre.