Lareira do solpor

Julidn Pacaud Perpendicular Dreams

As vides culminadas de pedras e de sombra
que ollan como os anos xa foron devalando
debuxan nos espellos da néboa unha palmeira,
ao xeito en que as idades herdaron da túa pel
a sombra dun afago,
un voo de luz escura.

Os barcos de regreso que habita Soidade,
que van polas ribeiras solemnes carretando
o brillo dos enigmas,
as ánforas con días e tardes e camiños,
tamén levan de ti
erguido un estandarte.

Que deixen alá embaixo
dos mares que transitan
os ouros da ebriedade
e un signo no papel

na lenta e despaciosa lareira do solpor,
se eu vivo para ollalo canda ti.