O tempo pode sempre deixarche unha mensaxe
Un círculo que forme a néboa sobre ti
E garde nos roupeiros un aire esparexido
Por traxes e chapeos das décadas de sombra.
O tempo cos seus longos paseos xunto ao mar,
E a tarde en alamedas preguiceiras,
Sentindo o voo das tubas dunha banda
E a noite que asomaba en clarinetes.
Que o tempo dorme ás veces debaixo da túa pel
Ou pousa sobre ela as follas que arrincou
Nalgún xardín exhausto con árbores antigas,
Con flores que perderon a vida cando o século
Virou para deixarnos un pouco de salitre.