;
O tempo que se prende nos ramos das nogueiras
E vai deixando pó, minúsculas materias
Que falan dunha chuvia, dun inverno,
Tamén sabe deixar terribles cicatrices,
Os golpes da soidade furando sobre a carne
Un voo de chagas secas e pústulas e pranto.
O tempo co seu longo acordeón
Tocando aquelas vellas melodías
De outubro por París,
Ferido de misterio, de horizontes
Que a noite recortaba co seu paso.
O tempo como un vidro que se quebra
E escacha en mil anacos sobre o chan,
Disperso e sementado nun soño de espellos
Escuros cando o sol non comparece.
O tempo como un círculo que fecha
O anel da nosa vida,
Un sopro de ventiños que perderon
O alento sobre a area dunha praia.
Con el fomos furando esta parede
Da torre da existencia
Por ver de derrubala.