Os días en que soño con chegar
Ás torres que se encontran máis ao norte
De pé sobre unha esguía embarcación
A néboa acometendo e a tristeza
Asoman polo fondo da memoria
Imaxes canda ti nalgún país
Daqueles que nun tempo frecuentamos:
Italia, acaso Grecia, e Francia, sempre Francia,
A escura e sixilosa sombra de Inglaterra,
A luz de Portugal de cara ao sur,
O inhóspito falar das Alemañas.
E sinto que ese rumbo xamais tivo lugar,
Que todo foi un soño,
Ou mesmo que a viaxe non tivo inda remate,
Que sigo a atravesar paraxes e paisaxes,
Insomne percorrendo longuísimas estradas,
Levando unha lanterna nas noites das cidades,
Pousando a ollada inútil en prazas e museus.
Mais logo chegas ti para dicirme
Que queres regresar,
Que o corpo che demanda
Algún dos viños cálidos, das sombras líquidas e tintas,
Que un día entrecortado pola néboa
Bebemos contemplando o río Loira.