O tempo corre ás veces para adentro
e déixate vivir como se foses
eternamente eterno algúns segundos.
O tempo hipotecado que vendes como cinza nas feiras da tristeza,
as horas emprestadas que nunca pagarás,
os xuros de semanas e de meses que todo che encarecen.
O tempo así centrípeto conduce até o interior
dos ríos en que o inverno fructifica
e vai levando portas que romperon,
antigos crucifixos,
anacos do misterio engalanados
con borras de solpores e de viños
bebidos cando a vida sorbía os teus delirios
e daba por deixarte esparexido
nas praias contemplando algún mencer.
Que o tempo corre ás veces para o alto
das torres que tiraches por adentro.