Teño herdado tantas voces que flutúan pola alma
que aínda ás veces cando escoito que alguén brota desde min
e inaugura cos seus labios unha páxina de cinza
tremo ao ver que as súas materias delicadas me pertencen
e unha lámina de vidros culminados pala chuvia
esparexe a triste efixie que é confusa por adentro.
Teño fe nas lentas lendas que me inundan cando escribo
e atraveso na terra unha senda por ser
tan errante corno a pel do que se abraza a unha viaxe
ao partir sobre unha nave que devala palas augas.
E se só nas graves máquinas escoito o teu renxer
cando alguén acende as luces no interior da factoría
e o percurso dos metais que xuntos chocan contra o ferro
vai deitando un longo grito que se enleva da tristeza,
son herdeiro dunha luz que en min cintila e me culmina,
oh fábrica do ser, miña febre fabril de palabras.