Soubera neses signos que adornan o percurso
do inverno sobre as gándaras do alén
que aquela era a viaxe que eu sempre procurara,
un fío sen máis linde que o tempo e a mirada,
un íntimo novelo de luz ou de cristal.
Despois sentín os dedos e puxen na caricia
tremor dalgunhas lúas soñadas noutro inverno
e todo se me foi para ese olvido,
prendendo a miña voz nun cárcere que ardía.
Latían no seu bico as ondas do meu son
e daban a quen fose falarlles da experiencia
recónditos debuxos en páxinas sen nada,
a murcha flor que brota nos cuartos máis fechados.
E souben que alí estaba o meu desexo:
un páxaro de cinza ferido polas augas.
E entón fuxín de alí e andei errante un ano.