Eu vivín entre os incensos que aínda espallan os oboes
debuxados no tremor da terra lenta
procurando non perderme nin descer para o camiño
coa bagaxe que me deran tristes anos e quebrantos.
Fun a terras moi distantes contemplándome na alpaca
que o mar deita cando a tarde se debruza
e hai un fío de emocións
entre as árbores que cantan
e, despois de abrir os ollos e ver todo o que se erguía
coa beleza das columnas dos templos,
dei en ser doente mozo da nostalxia,
un devoto máis nos lares do seu culto
para ornar de albas flores e vellos candís con aceite
a súa pira de morte.
E se algo vin que posuíse o arrecendo estival dunha illa
foi a pel das donce!as que do alto baixaban hortensias
e nas túnicas puñan un lóstrego branco.
Elas foron o máis doce que ollei
e o seu corpo se une agora nalgún vínculo abstracto
a eses mármores vellos e praias de Grecia.
Todo o outro foi engano, algo incerto que vivín
e que agora non ata máis ave que o ocaso,
unha corda de escuro que hei anoar
e que un día ha soster o meu corpo acabado.