Olla agora como a tarde,
que enxergabas deitada no linde do río,
vai descendo para o fondo:
a derrota das súas augas desvelándose entre a alpaca,
o reflexo dos azougues corrompéndose na néboa,
as efixies dos salgueiros derrubando na súa umbría
o lamento esvaído da brisa.
E non penses que o misterio destas páxinas é inútil
ou que a lúa remota xa ascende entre os vidros
para darche unha luz que eu deixei esquecida
no silencio da aurora.
E se en van a tarde é breve como todo o que perdura
ou, tanxendo aquelas harpas que soñaban outonizas,
vai descendo entre as alaudas,
para logo convocarnos ao seu claustro de tristeza
e sentir que o seu fluído foi perdido para sempre,
lembra a liña dos teus ombros pairando sobre o mar,
a maneira en que foras chegando ata a praia na illa.
Pois a noite só procura culminarse de oferendas,
espreitar o regreso de outubro no ceo
e ir mollando os altos céspedes das gándaras,
a canción desolada que deixan caír os salgueiros no río:
ese cálice roto que verte ouro antigo,
o silente debuxo das aves nas augas.
E é por iso que non debes ver misterio neste ocaso
se da longa travesía voltas núa para darme
o loureiro da túa fronte
ou das noites culminadas poIa sombra vas furtándome palabras
para logo ofrecerme o seu voo e eu saber que te afastas.