E foi que vin saír
do fondo do horizonte
as nubes doutro inverno.
Chegaban tan orondas,
fartura de borrallas e de chumbo,
que tiñan o perfil dun continente,
da masa dunha broa fermentando.
Fiquei a ollar pra elas
o mesmo que de neno
ollaba para o corpo das avoas
e vin que tiñan ganas de verter
o pranto dos seus ventres fabulosos.
Chorade, proclameilles.
Que as bágoas do fracaso
propaguen outra vez a primavera.