Despois daqueles días que eu dera en agasallo
por tanta luz vertida sobre min
botei a andar sombrío
camiño dalgún templo
feliz como os que levan hortensias para honrar
de novo un vello culto
ou mesmo como aqueles que veñen desde lonxe
e xa o xasmín difunden
e a flor da laranxeira.
Un barco que viñera cargado de pexegos
traídos desde a Persia máis remota
dispuxo ao pé da praia
algúns daqueles froitos
e demos conta deles a falar
á espera de que un buque nos levase
de volta á vella terra.
E souben por entón que estaba nunha illa:
aquela que formaban os teus peitos
e a costa irregular de Siracusa.