No infindo xeroglífico das noites que a memoria
compón no seu piano de teclas posuídas
por aves como enigmas e peixes como asombros,
os trazos do infortunio e as marcas da derrota
son leves cando chegas brillante como o sol
e es signo que se forma na exacta conxunción
dos soños e as miraxes, dos líquidos e os vidros.
Acaso por preguiza, desleixo ou abandono,
ninguén quere saber das obras que executas,
mais eu deixei caer na música do escuro
xa todo o que de incerto perdura nas palabras,
e verte a luz da umbría entre os camelios.
Ah lúa do luar e da luada,
lunática elección.