Que a brisa veña un día a percorrer
as longas cabeleiras que levamos
e deite polas árbores un signo,
a sombra dunha flor;
que empurre mar adentro os que, varados,
insomnes percorremos estas praias,
agora que a ferruxe, famélica, consome
os lombos do que outrora foi ferro endurecido.
Do navío xa regresen, camiño de ningures,
sen outras equipaxes que o tempo derrubado,
pigmentos de outonía e cor de vide murcha.
Agora que a humidade, funesta, lle devora
as pólas á que un día
foi nai de sombra grata e torre do misterio
polo fondo da distancia, entre números e chagas,
vexa vir sobre cabalos
as túnicas de abril,
oh buque arrebatado a insólito naufraxio!
oh árbores da amnesia, maceiras consumidas!