O viño é un sentimento. Non existe como tal.
Pode ser que te confundas cando escoitas o clamor
Do seu líquido caendo sobre pozos de vidro
Ou que gardes o arrecendo como un resto de materia.
Mais o certo é que está feito para un día esvaecerse
Como as nubes e o silencio, como as tardes ou o voo
Dunhas aves na distancia.
Bebe, pois, dese misterio. No seu corpo está o percurso
Que atravesa cada cousa, os enigmas do dicir,
A escura cifra que conduce o devalar,
O motor que xira a roda dos imperios do tempo.