A porta segue aberta no fin do corredor.
Alguén deixouna así nun conto ou nun poema
E verte para o abismo borrallas de misterio.
Un barco, unha tormenta de outono, un vello pozo,
Materias que abril pousa no sur do esquecemento,
Ingresan por alí caendo polo inverno.
Sutil o magnetismo dos espectros,
Absorto na linguaxe soaba un clarinete,
Medía a luz da tarde, soñaba con imáns,
Compuña os inventarios da ruína:
Acaso unha fortuna que murcha atesourou
O tempo do declive dos imperios.
A música que acende partículas de vidro
Nas cordas que penduran do alto dos roupeiros
E deixa engalanados os líquidos da tarde.
Derrota de Antón Bruckner no fin da sinfonías
Na luz que desafina nos límites de agosto.
A porta segue aberta no fin do corredor.
Se alguén a fecha un día morreremos.