L’ASCENSION ET LA CHUTE DE JULIEN SOREL, PERSONNAGE LÉGENDAIRE

myWPEdit Image

E só por ver de novo

Aquela ollada escura

Pasei varias xornadas

Montado no cabalo

Camiño de París.

A brisa viña fría a noite en que cheguei.

Billaban as candeas nos barcos polo Sena

E Francia hipnotizada rendíase ao glamour

Da nova idade áurea.

Busquei na multitude o voo daqueles ollos

Nun tempo capturados no tránsito fugaz

Da tarde contra a noite.

E souben que era inútil a procura.

Despois de varias tardes deixándome arrastrar

No río dos paseos, na luz dos bulevares,

Na area dos xardíns das Tullerías,

Tomei a decisión: que cese toda busca,

Que o inverno se declare.

E foi entón cando mirei de novo aquela ollada.

E souben que o meu tempo vertérase caendo

Igual que caen as follas das árbores caducas.

Beleza, nin os anos nin as neves nin o xeo que se derrete

Son nada contra ti, que sempre te desvelas

Desde o fondo do misterio,

Nas imaxes,

Nas palabras.