Vento

myWPEdit Image

Onte á noite o vento andaba revoando no tellado
E dicía versos tristes como en sombras, cun desánimo gris,
Ese pouso de amargura que por veces ten a voz
Dos que arengan e disertan sen palabras.

Era un sopro modulado con acento de humildade
Como o voo dunha pregaria de perdón,
Un sinxelo esbagullar por tormentas cometidas,
Inclemencias, temporais, arrebatos e mareiras,
O rosmar de quen lamenta e se desculpa.

Escoiteino interesado, observando a súa mensaxe,
Atendín o seu misterio, concentreime na harmonía
Que acadaban os seus brados ao rozárense coas árbores,
Un intérprete furioso, un excéntrico frautista.

Logo virou lento e só se oía un salouco entrecortado,
Unha súplica apagada, unha queixa infeliz.

Ben está que se desculpe, pensei eu.
Mais quen pode confiarse
No caer dos seus arroutos, na carencia da súa ira.
Ben sabía o vello Homero cando a cólera de Aquiles
Que os desplantes da paixón seguen leis que non sabemos.
Pautas, normas e decretos non ditados nin escritos.

Oh vento arrebatado, tamén nós alá por dentro
Comprendemos a túa fé, dispensámosche os embates.
Pois non somos máis que vento alí onde se xeran
As palabras, a emoción, o canto.