Hoxe veume visitar este poema na metade de noite.
Aínda non amañecera. Nin se deu a coñecer.
Veu do fondo do descanso, arrebatado,
Como chegan os cabalos que andan soltos polo monte
E precisan o refresco dunha auga de chuvia.
Veu dicindo: aquí me tes. Abre os ollos.
Horas son de que me escoites.
Non te deixes arrastrar polas ondas da preguiza
Ou o vento da nugalla.
Vai dispor o meu discurso no interior do teu caderno.
Dálle forma con palabras.
Era abstracto, unha emoción. Nada que puidese
Ser escrito en pouco tempo. Era sombras ou rumores.
E marchou sen despedirse cando viu que xa deixara
Un ronsel do seu ascenso.