Pilotaxe do Inferno I

myWPEdit Image

Foi no tempo en que eu sulcaba
A ribeira do Aqueronte.

Carretaba na falúa uns anacos de carbón
E o fardel dos días tristes,
Frouxo, farto, nugallán,
Decaído polo escuro,
Esgotado de misterio,
Transportista.

Nas paradas xunto ao río axuntábanse moreas
De doentes e de loucos
E era fácil ver caer nas augas algún corpo
Ou sentir que unha mirada xa te ollaba desde o alén
E que foran os teus ollos as amarras derradeiras.

Moitos seres descompostos, sen acougo para a morte,
Acenaban xunto á proa, delirantes e achispados,
E vertían as blasfemias iracundos
Ou rezaban as pregarias índa un pouco xuiciosos,
Aturdidos polo ton de gravidade
E o soprar das tubas baixas que espallaban
Un regueiro de sombras
Entre o azul das soallas.

Eu guiaba o meu navío polas brétemas,
Coñecía os pormenores do tránsito fluvial,
Os detalles do percurso polo esteiro,
Cando o caos da noite muda en desconcerto.
E facía o percorrido varias veces cada tarde.
Media hora de carreira. Dez minutos de descanso.

Eran xente moi vivida os pilotos naquel tempo.
O cachimbo sempre aceso pola boca
E unha gorra con viseira xeralmente circular,
Unha pucha que escondese a atención da túa mirada
Inclinando un pouco a testa.

O demais era moi simple:
Premeres a buguina no momento de partir.
E nunca socorreres os náufragos caídos.
Nin os mortos afogados.

Polas noites na cabana
A garrafa de hidromel
Axudábame a esquecer.