Pilotaxe do Inferno II

myWPEdit Image

Os pilotos que navegan polas augas do Aqueronte
A fumaren no cachimbo herbas cálidas e umbrías
Nunca ollan a estribor
(O lugar por onde baixan os que xa non volverán)
No momento da arribada.
No costado dos seus barcos fican restos da viaxe,
As reliquias e as migallas, os vestixios e o pó,
Sedimentos do que foron existencias, longas vidas,
Anacos e seccións, feces, desperdicios.

Mais eles, os pilotos, felizmente non se encargan
De limpar pola coberta refugallos e despoxos.
Que os pilotos fuman, beben, len esquelas, ou escoitan
De seguido Richard Wagner. Condenados
A esta vida viaxeira, son felices cando deixan
Atrás o seu país, nos meses en que poden
Cobrar o seu descanso. Pois ben saben
Que algún día, máis antes que despois,
Han subir a algún dos barcos
Que percorren incansables
A noxenta travesía.

Os pilotos, entrementes, sorben líquidos escuros
Que os embriagan, pasan tardes no cinema,
E namoran con decencia bailarinas.

Son estraños os pilotos.
Tantas horas de ollar néboa.