Pilotaxe do Inferno III

myWPEdit Image

Os barqueiros do Aqueronte temos canso o corazón
De falar cos moribundos entre a néboa,
Cos agónicos doentes e os audaces aflixidos.

Tan exánimes nos deixan os percursos polo río,
Tan moídos e tan lasos, que por ter non temos nada
Que poidamos presentar como proba de piedade.

Só evidencias, testemuños, dunha lástima cortés,
Da clemencia que che inspiran as protestas e os saloucos,
O clamor de tanta xente arrebatada,
Tanto público confuso,
Tanta tropa temerosa.

Os barqueiros somos tipos (por varóns e veteranos)
Pouco dados a soñar.
Tan maduro e tan remoto o pasado tempo aquel
En que había unha ilusión,
Unha fábula, un espectro,
Xa gastado e deslucido.

Nin as ánimas nos queren nin os demos e espantallos.
O noso é navegar polas brétemas fluviais
Levar soños desde o aquén para o alén destas fluencias,
Trafegar as esperanzas polas augas consumidas,
As correntes apestadas,
E facelo no silencio que hai na música de loito,
Luctuosos e sombríos e patéticos e lúgubres.

Os barqueiros do Aqueronte.
Esa escura profesión,
Ese afán anoitecido,
Ese lóbrego mester
Esa equívoca tarefa.