A historia dunha moza que asiste a un home cego.
Escríbelle papeis. Ou lelle documentos.
E nunca alguén lle dixo lindeza ou fermosura.
Despois de varios meses,
Na última xornada disposta no contrato,
O home, namorado,
Pregúntalle se pode tocar o rostro ignoto.
Cos dedos vai trazando un sulco nas meixelas,
Nos labres, no nariz, e dese xeito encontra a imaxe da beldade,
O eco que os seus ollos non poden apreixar.
Non falan, non describen ningún dos sentimentos de roce tan sutil.
Só saben que no tacto emerxe a claridade que brota do desexo.
Que todos somos cegos perante ese fulgor
Que asoma alén da pel.
A chama que se acende, escintila e brilla.
Que hai moito de imposible no lustre da beleza.