Onte á noite devecía por cruzar esta fronteira.
Era cedo. Camiñaba polo fondo da memoria
E notaba a desmesura
Do imposible a construír un castelo de cristal
Cunha torre sobre o abismo para o voo do suicida.
(É frecuente esta palabra, suicida, no meu texto
Dalgún tempo para acá). E notaba esta fronteira
Como proba da derrota dos meus pasos polo mundo.
As fronteiras e os silencios que separan o discurso.
Portas, chaves e caixóns.
Selos, libros, peles.
Todo canto serve de fronteira.
Era cedo, xa vos digo, e escoitaba un Mozart triste
Mais sublime coma sempre. Pode ser que fose a noite.
Pode ser, tamén, que fose Mozart.
Ou pode que a fronteira. Que sei eu.
Devecía, en todo caso, por cruzar.