El era o portador de lúcidas fazañas na voz orixinadas,
Aquel que carretaba na sombra luminosa
Vocábulos visibles de corpo e claridade,
Palabras que podías mordiscar,
Roelas pouco e pouco.
El era o que vencía na noite da elocuencia
E sempre tiña un dito, un verso, algunha frase,
Regalo dun encontro fugaz, polos recantos.
O amo do discurso, o rei da conxectura,
O pai da alocución, o zar da apoloxía,
El era o gobernante, o faraón,
Rexente sen bandeira e príncipe sen reino
Con todo o seu imperio de palabras
Dispostas a morrer se for preciso.
El era emperador, e césar e sultán
Dos ríos que atravesan as metáforas,
Da escoria e mais do magma, da lava e do residuo,
Da imaxe e do retrato, do cadro e do perfil,
O déspota e califa, señor e soberano
Das terras en que pastan os enigmas.
El era todo iso e, acaso, tamén era
Monarca vagabundo dos moinantes,
Cabeza peregrina da tristeza
E musa clandestina dos perdidos,
Secreta inspiración dos regalados
Co arrouto dos enxeños,
Coa ebriedade das musas.