Por moito que eu vivise e os anos se alongasen
E grato fose o tempo no curso polo mundo
E doces os sabores que aínda esparexese
No trato cos humanos, feliz do meu destino
Nos sulcos que semente o cólico da historia…
Por moito que durase o tempo que me reste
E múltiplas, cuantiosas, as tardes que devalen
E as flores que abril traia nos ramos da ameixeira…
Que ritos suficientes tería que invocar
En pago polo trato que sempre deparaches
A este que te implora,
Oh Venus deliciosa.
Acaso abondaría co viño fermentado da última colleita?
Se Aphros deu Abril e o nome de Afrodita,
Aquel con que os helenos honraron a túa gloria,
Que sexa o longo mes
De abril quen te celebre.
E eu poida contemplalo.