Consideracións domésticas

myWPEdit Image

É importante que, ao chegar a primavera
Mudes os espellos de lugar.

Que aquel que reflectía
a túa imaxe sombría polo invermo
Xunto á entrada da casa
Regrese agora pra o faiado.

Que esoutro que espallaba no final do corredor
A límpida noticia da mañá
Se ocupe en van de amar as sombras.

Ou que aquel tan misterioso
De cristal viselado
Que foi xoia da familia e unha herdade dos avós
Presida novamente as cerimonias
E os ritos do fogar:
Sentar para comer,
A ler, oírmos música
Ou vermos filmes clásicos.

Por último o que impera
No recoleto vestidor,
E vén sendo testemuña
Do segredo e da beleza,
O que sabe anatomía e se ocupa de orientar
Os teus brazos pola roupa,
E proxecta a túa presenza como un plano,
Ese déixao estar.

Non é bo que o seu azougue se perturbe camiñando
E abra fendas nas imaxes.

Que manteña para sempre o fulgor amañecido.