Moito amor lle teño a Braga,
A cidade episcopal,
Cemiterio do misterio.
Porque nela existen portas
Que conducen ao interior dunha lanterna,
Barcos feitos de xasmín,
Unha estrela pensativa.
Porque nela dormen soños que fuxiron
De mosteiros e conventos,
Vellas cápsulas umbrías
De martirios e suplicios
Que remontan á infancia de Europa,
Ao tempo da inocencia e da crueldade,
Aos albores do hemisferio.
Moitas horas pasaría camiñando este lugar,
Que remite para o fondo de algo meu,
A sutura dunha vella coitelada,
O remedio dun temor.
Moita luz desprende Braga
No seu cólico de sombra,
Moito imperio que venceron as idades,
Moita noite de defuntos,
Moito Cristo ensanguentado.
Morto hei de vir a Braga,
Camiñando polas néboas,
Asubiando a ladaíña do solpor.
E virei con pouca présa.
Porque hai tanto que falar.