Definición da sombra

myWPEdit Image

A cal de todos eses que saen nas miñas fotos
Dicindo que son eu
Lle debo este poema?

A aquel que se bañaba na fronteira
De Albania con Kosovo
Hai máis de trinta anos
E tiña o corpo frío baixo o sol?

A esoutro que camiña no solpor de Leningrado
E sente como renxen as páxinas da historia
E os ecos dos motores do insomne acontecer?

A este que perdido nas fervenzas do Atlas
Espreita anacoretas reclusos nas súas celas
Rezando unha pregaria enfebrecida?

Ou a ese que arestora, sumido polo centro
Do corpo do poema,
Cavila nunha tregua
Na loita coa linguaxe?

Ningún de todos eles habita por aquí.
Xa todos carretando o pó do esquecemento.

Así como te cargas de pasado
Xa cesa o teu porvir,
Xa mingua o teu futuro.

Dirás que segues vivo, mais eu seino.
Eu sei que xa morriches.