Zenón de Elea tiña os labres encarnados.
Sentábase nas tardes a ver a cor do mar
E ás veces merendaba enteira unha laranxa.
A aguda observación levouno a comprender
O xeito en que a linguaxe nos engana.
E todo vendo os barcos arribar ou partir.
A boca gorentando a cítrica emoción.
Zenón de Elea andaba ás veces pola ágora.
Falaba e discutía. Dialogaba.
Mantiña unha distancia cos seus deuses.
Bebía algo de auga, prefería
A sombra contra o sol mediterráneo.