Weather Report

Esa nube que persegue o teu cabelo
E que fala, sen querer, dunha mellora no tempo,
Aínda que á alba e na mañá
Os ceos estarán nubrados
E mesmo choverá un aquel na vertente cantábrica,
Sobre todo cara ao leste;
Esa nube, digo, que persegue o teu cabelo
Porque hai vento do nordés, entre frouxo e moderado,
Máis intenso de noite pola zona litoral,
Cos termómetros subindo un par de graos,
Malia as mínimas baixando
Con xeadas no interior;
Esa nube, digo, que te segue e non anuncia
Outras nubes pra mañá
Pois vén limpa do atavío das tormentas
E rebaixa claramente
Os riscos de precipitacións,
Aínda que de cara ao domingo sexa previsible
Un incremento da inestabilidade;
Esa nube, digo, non son eu
Nin es ti.
É só unha nube que hoxe adorna
Como un resto de algodón
Este ceo esvaecido
De principios, case, de novembro.

myWPEdit Image