Igual que ás veces bebo do vaso da alegría
Hoxe inclinome a probar do cálice da dor.
Percorren estes tempos sinistros mercaderes,
Marchantes enloitados de cinza e de fracaso,
Que van polas umbrías corredoiras,
Opacos, nebulosos,
Levando nos estoxos
A negra flor da noite.
Perseguen unha ponte que leve a outra cidade
E déitanse a durmir en pozos pestilentes,
Albergues e pousadas que dan para algún río,
Tamén un bosque triste.
E soben ás funestas avionetas,
Ou bailan sen paixón polos xardíns
Devotos de si mesmos e da luz
Que seica sae dos mortos afogados.
Son tropas do misterio, camiñantes erguidos
Que soñan con chegar a outra nación,
Aqueles que deitaron na paz dos seus sepulcros
Un corpo devastado polas chuvias.
Son inxentes comitivas, viaxeiros da néboa,
Carretando unha mestura de ruína e desalento,
Esmorecidos polo horror, deshabitados na alma.
O séquito infeliz dunha fúnebre lenda.
Igual que ás veces bebo do vaso do solpor
Hoxe inclinome a probar do cálice da noite.