Fortuna

Camiñar será a fortuna que che deixe.

Has gardar no corazón toda a luz do mandamento
Que hoxe poño nos teus labios
E verter como unha cinza no cabelo
Esta páxina infeliz,
Estas letras caídas.

E verás pasar os días do rigor e a austeridade,
Sen deixares o cultivo da xustiza
Ou a arte da prudencia.

Cruzarás as vellas pontes do saber e a disciplina,
Sobre illas de aforismos e apotegmas.

E por fin comprenderás os proverbios e as parábolas,
Os ditados e os enigmas dos sabios.

Sen que o amor ou a incerteza
Cause estragos no teu voo.

Proveitosa como a prata
E rendible como o ouro,
Camiñar será a fortuna que che deixe.

myWPEdit Image