El andaba por entón
De córpore presente
Mais perdido nunha flor de melodía
Oh flower sonorosa
Oh sound de hortensias secas
No seu corpo derrubado
En decúbito supino
E nos vermes que ascendían á súa boca
Foi de noite antes do tempo temporal
Esa noite que sopraba desde o Atlántico
Unha noite en agasallo polos séculos,
Noite branca que ti sempre lle debías,
E que nunca lle pagaches,
Noite azul para as débedas escuras.
Tiña un óxido nos ollos, un pigmento enferruxado,
Un metal que apodrecera por chorar,
Unha lámina que fora derramando
Con vinagres e tristeza.
E non viña desde o fondo porque estaba por enriba,
Que nadaba sobre os aires nebuloso,
Carretando o temporal.
E levaba unhas hortensias melodías
Para os vermes polas débedas escuras.
Era flower e solpor, unha cousa enfariñada,
A raíz máis radical.