Nubes

A noite xa impuxera pouco e pouco o seu imperio.
E o solpor inda proía como unha ferida vella,
A marca dalgún golpe que deixara un hematoma no horizonte,
Cromática purpúrea da crueldade cósmica.
O tempo que chegaba viña inzado de presaxios
Como as nubes,
As nubes que arrincaran do poente unha hortensia inspirada,
As nubes que se ergueran contra as torres,
As nubes desarmadas e en silencio.

Eu perdera aquel inverno un amor dos vinte anos
Ou perdera nun amor aquel inverno.
(Nunca souben por enteiro que perdín).
E gañara algo de barba e de tristeza,
E as nubes,
As nubes que deixaran o seu eco polo fondo da memoria,
As nubes como un barco na deriva e na derrota,
As nubes como brancos cadaleitos.

E sentei para mirar como viña o novo tempo,
Como a chuvia impuña un eco nos cristais
E unha espada de augas tristes sobre a lingua do pasado
E unha luz de cemiterio polas sombras das cousas.
E sentei a ver pasar polo fondo aquelas nubes,
Nubes longas que chegaban dos vapores do mundo,
Nubes naves que vertían nos océanos o sal,
Nubes néboas que inclinaban o seu voo pola paisaxe.

myWPEdit Image

photography by Taylor Marie McCormick