Quen me dera ser fillo dun home afortunado
Que na casa, con bens e con tempo, chegou até vello,
E non ser, pola contra, sucesor descendente
Do máis infeliz de entre os homes do mundo.
Quen me dera legatario dun próspero varón
Que na vida encontrou, instruído, unha mina de ouro,
E non ser, emporiso, un rebento do fado, un abrocho da sombra,
Como a cinza que alborexa entre a luz dunha chama.
Oxalá fose herdeiro dun esposo tranquilo
Que da guerra esqueceu os ardidos impulsos
E, no leito, foi fiel e, na casa, afagador,
E non tivo dos remorsos a incómoda dentada.
Fecharán o seu ciclo estes anos
Nos lugares que dan para o ocaso e o orto
E unha brisa de Odiseo varrerá pola tarde
As figueiras das illas.