Irisación primeira (Notas para unha introdución á historia de Psique)

Sexas un escudo para nós,
Oh pórtico de sombra.
Destrúas os que mintan e defrauden
Por causa do inimigo
E apláneslle o camiño do silencio
A aqueles os que teñan un túmulo na boca
E ignoren o furor da nosa ira.

 

Sexas un emblema e un brasón, insignia e armadura,
Oh reino e fortaleza.
Derrubes os que enganan, desfagas os que espolian,
E ábraslle as cancelas do país do esquecemento
A aqueles que xa leven unha tumba polo peito, unha cripta na alma,
E desoian o rancor da nosa cólera.

 

Sexas baluarte e solidez, castelo e enteireza,
Bastión e resistencia,
Oh círculo de min,
Halo escuro e fundante.
Cegueiras esparexas e tebras xa propagues
A aqueles que se arrisquen e aventuren
A soas polas gándaras. E patos,
Parrulos, alavancos, gansas brancas e cercetas,
Charnecos, lavanquiños e pachurros,
E rolas, pombas bravas, cantadeiras,
Máis parrulos caribrancos, ferruxentos,
Anulen o seu paso e modifiquen
O rumbo do seu curso na rota da derrota.

 

Sexas un fortín e unha potencia,
Oh ámbito da aura, anel do meu centro.

waterhouse_psyche