Retrato

A nosa aportación ao libro colectivo De Cantares Hoxe, promovido pola Fundación Rosalía de Castro e o programa Diario Cultural da Radio Galega con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, que será presentado o vindeiro martes día 24 na Casa Museu de Rosalía en Padrón.

Un home que pasaba o tempo a cavilar
no tinto da amargura, no caldo da aflición,
levado da outonía das crenzas e os sentidos,
un louco anacoreta dispondo o ritual
nas torres da distancia,
cantaba á súa maneira:
“Como chove miudiño”.

Era algún deses gañados
polas aves do horizonte,
un que tiña as noites claras
sobre a sombra da conciencia
e levaba unha lanterna con hexámetros e música;
alguén entre os que viven no baúl do esquecemento
cando vai levar o gando
no fulgor da mañanciña,
entre os millos a cantar:
“como miudiño chove”.

Era o resto dos incendios dunha lámpada apagada,
letra vella sobre os mapas ou pegada sobre a area
dunha praia lamacenta
e fonte, pedra e souto
nunha luz de mediodía,
corazón de sentimento:
“pola banda de Laíño”.

E nun voo de labios tenros
dos que deron en perderse
ou viraron nun amargo desconsolo e pesadume
tiña as horas e os segundos como as sílabas dun verso
torturado polos golpes dun martelo de silencio.
a deitar pesadas áncoras sobre o leito dalgún río
“pola banda de Lestrove”.

Rosalía_Castro_de_Murguía_por_Luis_Sellier