Os corpos escritores fan grafos imprevistos
Que fican debuxados nos ollos de quen mira.
Hai sempre alguén que pasa deixando o seu poema
De brazos que se extinguen;
Cabelos que arrebatan o voo dunha fervenza,
O ascenso dunha chama;
E pernas que debuxan un ritmo no interior,
Cadencias dun concerto improvisado.
A danza que hai no mundo é un signo que se mostra,
Costura das esferas de música e teatro.
Cifrar os movementos e darlles cerimonia,
Ou ben deixalos libres, sen norma nin precepto,
É opción que nos confirma o pálpito do azar,
Un mando sempre exposto a un ritmo inesperado,
Á quebra ou á caída, á noite que se rompe,
Ao mundo que fratura o voo dunha esperanza,
Á crenza que se parte e esnaquiza.
Non fíes o teu rumbo á luz dunha cadencia,
Nin poñas a túa fe nalgún compás.