O tempo está disposto seguindo un percorrido
Que verte para o fondo da distancia
E vén desde os confíns da fonte orixinaria.
O tempo é como un río de infinito,
O sulco que deixou na eternidade
Un boi que turraba dun arado de estrelas.
Por iso o tempo para ás veces sen querer
E ponse a debuxar polas ribeiras
A sombra do ameneiro, un souto, unha gándara,
Que deixan un aquel de ritmo demorado,
De fluxo delongado, de tráfego moroso,
Un líquido fluvial que se espreguiza
E acende nas miradas o éxtase do mundo.
O tempo foi aceso nun lume primixenio,
Lugar de oxidación e violencia da materia,
Espazo combustible en que fervía
A sombra do horizonte,
Un punto enferruxado pola luz.
As lapas amarelas, laranxas e vermellas,
Ás veces son azuis de tanto que abandonan
A alma nese fogo, felices cos vapores da ignición.
Non teñen outro rumbo que a danza e os enigmas,
O voo dun vento abstracto que declara,
Veloz por entre as sombras,
O mundo inaugurado
E fixa a dirección e a intensidade
Das horas e dos días,
Dos ciclos anuais e dos estados
Do aire e da tristeza.