Do carácter vocativo da conciencia

Moitas noites pensei en queimar a biblioteca.
Darlle ao fogo estes volumes un por un e pouco e pouco.
Comezar cos máis pequenos, os folletos e as revistas.
E seguir despois cos mapas, as novelas.
E deixar para o final as grandes coleccións
De arte e os compendios
De historia e pensamento.
E entón xorde unha pregunta:
Que facer cos poemarios?

Escoitar os asubíos que esparexe a labarada
E saber que lle pertencen a unha voz,
Procurando o seu sentido entre as brétemas da historia,
E no frémito sentir a calor da continxencia,
O arrebato da ventura,
Un foguete do asombro,
Pode ser moi pouca cousa,
Despois de envilecer as décadas do tempo
E logo de estragar a humana dignidade.
Mais non arde a poesía?

Cae a neve en Alemaña e vai frío nesta casa.
Disque o Führer suicidouse.
Volve o tempo da derrota.

Martin_Heidegger