Tarot

Deita agora sobre a mesa catro cartas da baralla
E pretende o vaticinio dalgún rumbo do destino.

O Mago no sombreiro leva a forma do infinito
E unha vara fai de antena para os soños dos loucos
Que apousan sobre a mesa de tres patas.
Despois o Namorado, como un Paris que sostén unha mazá
E escolle en Afrodita sobre Hera
A deusa da beleza e do desexo, do amor e a filiación,
Por enriba da virxe e rapariga, deidade dos pastores e do gando.
O Eremita logo chega, home vello e encorvado,
Cun farol que lle ilumina os camiños nas alturas,
Como Cristo no deserto,
Como Buda polo mato,
Zoroastro na montaña,
Ou Krishna nos panascos a falar para as vacas.
E todos retirados
Do mundo pra entender,
Far from the madding crowd.
A Roda, finalmente, da Fortuna sobe e baixa.
Un home e unha aguia, un león e unha terneira
Sostéñena entre nubes.
E unha esfinxe cunha espada sobre o ombro está a mirar o ceo.

Debe agora interpretar
A forma en que se ordenan as cartas.
Norte, sur, leste e oeste.
Alto, baixo, fóra, dentro.
Das alturas do norte aos baixíos do sur;
Dos orientes do exterior aos occidentes internos.
O que sobe e o que baixa.
O que chega. O que se vai.

Dese xeito se presenta hoxe a triste continxencia
Na maraña dos seus signos.
Moi escura cartomancia.

4cardspread1