A Compostela de Filgueira

Foi a Xeración Nós, no seu europeísmo, quen dispuxo a idea de Compostela como berce de Europa e, tamén, de Galicia, un espazo que daba conta capital dunha nación enteira, mesmo como alternativa ao Toledo da Xeración do 98, erixido como símbolo do esencialismo españolista. Filgueira, destacado membro do SEG (Seminario de Estudos Galegos) herda esta proposta, como un alumno que debe reescribir as liñas que faltan na lección dos mestres. E faino desde a excelencia na erudición e no detalle, combinando distintas disciplinas, que van desde a historia da arte á literatura, sen esquecer a súa fascinación por personaxes da entidade do bispo Xelmírez e o mestre Mateo.

Compostela ermerxe así como un poema, no sentido dunha epifanía da linguaxe, ou das linguaxes, como un milagre, un enorme e rotundo poema colectivo, mesmo nacional, construído coa enerxía de todo un pobo ao longo de varios séculos, porque son moitos os códigos que veñen verter nela e todos dan conta da súa singular posición no mundo. Esta disposición da cidade como poema ou, mellor, como obra de arte posibilita a análise que se leva a cabo desde unha revisión de todo cando a cidade logrou como obxecto de enunciado, calquera que fose o medio de expresión, plástico ou literario ou musical, ao longo do tempo en que adquire o seu duradoiro esplendor. Filgueira, como un paciente copista, interpreta cada un deses signos nun exercicio no que prima, desde o punto de vista metodolóxico, o comparatismo. E desde o punto de vista conceptual, ou filosófico se se quere, un antagonismo sen resolver entre o esencialismo herdado e unha presenza da historicidade. E todo isto sen vontade de ser exhaustivo, consciente de que esa imaxe total da cidade sería, senón imposible, si, cando menos, esgotadora tanto para o autor como para o lector.

Ler artigo completo

47002556