Letra de canción

Remexendo entre vellos papeis encontrei esta (letra de) canción. Gardo un recordo moi borroso dos tempos e as circunstancias en que a escribín.  Só precisa alguén que lle poña música e a cante.

RAÍÑA DE COPAS

Ela era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar,

A tormenta que chega do norte

E unha illla no medio dun bar.

 

Camiñaba debaixo da noite

E subía até aos templos do alcol

A vender a súa froita queimada

Esperando a chegada do sol.

 

Maquillaba os seus ollos de verde

E a mirada quería saír

Desde o fondo dunha torre triste

Erixida tan só de marfín.

 

Entre os moitos que dela extraían

O metal máis prezado dun soño

Eu estaba bebéndome a vida,

Navegando por mares de outono.

 

E unha noite de inverno chovía.

Non había na rúa ninguén.

E ela estaba debaixo dun porche.

Ola. Como che vai. Moi ben.

 

Pregunteille non es ti a raíña,

A que entra nos bares gloriosa,

Da que a mesma Minerva ou Atenas

Parecen sentirse celosas.

 

E dixo non son máis que a fada

Que habitaba entre os bardos de onte,

A que entrega o sorriso e a noite

Aos que levan un verso na fronte.

 

E non era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar.

Si a tormenta que chega do norte

E unha illa no medio dun bar.

 

035 copy.jpg