Impacto. Na memoria de Agustín Fernández Paz.

fernandez-paz-retrato-300x273

 

Como peixes antiquísimos,

Como luras, rapantes, xardas, zamburiñas,

Como fanecas arcaicas,

Como sollas e curuxos,

Como peixes sapos,

Lonxe dos anzois do pensamento,

As ideas,

E o impacto do mundo na conciencia.

 

Velaí o instante cruel

A escorrer da represa máis alta

Do tempo que se vai,

Do presente,

Ese agasallo das horas.

 

E onde andarán os libros

Sobre este xeito de morrer.

Onde aqueles tomos e volumes

Sobre o modo, a gallardía,

A destreza de apagarse,

De esgotarse, falecer.

 

Onde os acordos e as avinzas,

Os convenios e os pactos,

Sobre a cruel, a vencedora,

Señora da ruína, muller do pasamento.

 

Para cando as ceremonias, os ritos,

As solemnes funcións, as impecables galas,

A emerxeren entre o fasto e a pompa.

 

Cae xa, tempo, sobre min,

Derrúbate, desprázame,

Agora que envorcado sobre o mundo,

Contemplo, só de esguello,

A túa ruína,

A desfeita, a perdición,

O desastre.

Fai de min un deses moitos,

Numerosos sen número nin conta,

Que a historia vai vertendo,

No gris dos sumidoiros.

Peixe antigo,

Peixe sapo,

Faneca do horror.