Nunca pensei que a gloria cabería nunha mañá como esta.
Un ceo chumbo,
De nubes derretidas,
Andoriñas que se achegan a voar,
Preguiza para erguerme porque aínda
Non rematou agosto.
Mais éche o que hai, como dixo un amigo.
Cartas que che envían,
Parabéns, comentarios,
Unha vaga de apertas que houberon estragar
O teu peito namorado.
E música.
A música que soa nas apoteoses
E nos triunfos.
Mais eu son un exiliado.
Unha chaga deste tempo e desta terra,
Unha pústula, a ferida,
Desta época sen trégua,
Desta estraña sazón.
Un proscrito, un desterrado,
No pavillón das ruínas,
No armacén das derrotas.
Gardo o estoxo das moedas que me deron,
As esmolas que deitaron sobre o chan,
Paseantes e curiosos,
Transeúntes, andaregos.
E non teño outra facenda
Que estas pobres palabras,
Que estes barcos ancorados
Para alén do corazón,
Para alén de min mesmo.
E iso hei de concluír, finalmente:
Que a gloria é, sobre todo,
Un estado oracular
Que se inclina sen querer
Para a nostalxia.