Agustín Fernández Paz, exemplar e memorable

Todo o edificio intelectual e creativo de Agustín Fernández Paz estaba construído sobre un axioma: a literatura é útil e necesaria.

Lonxe de calquera outra consideración que sinalase a literatura como un exceso ou como un excedente, como algo inútil e supérfluo, pensaba que é o relato o que nos fai humanos, que é o canto o que, en definitiva, nos separa do animal e nos sitúa na cultura e na historia.

A consideración da utilidade da literatura chegáballe a Agustín dun exercicio empírico que o ocupou unha boa parte da súa vida: a docencia. Licenciado en Ciencias da Educación, traballou como profesor de EXB no Fogar de Santa Margarida (A Coruña), e máis recientemente, logo doutros centros, como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo. Nas dúas ciudades máis importantes de Galicia deixou un ronsel de antigos alumnos que o recordan como un profesor dedicado e brillante. Un profesor que os enfeitizaba por medio dun método simple na súa resolución mais complexo na súa formulación: demostrar que o coñecemento, en calquera das súas modalidades, forma parte da vida e está, ou pode e debe estar, por completo integrado no discurso desta. Necesitamos contar para ensinar e precisamos relatos para aprendermos. A literatura é útil, por tanto, na medida en que é quen de conter o exemplar e o memorable. É literario todo aquilo que codifiquemos para facelo perdurar, ou todo aquilo que codifiquemos porque queiramos lembrar para modelar os que nos seguen. Que a literatura sexa útil significa, tamén, que non hai literatura inútil. Nin moito menos, paradoxalmente, infantil. Mais a maior ou menor utilidade da literatura depende dos contidos e valores que traslade, contidos e valores sempre en tránsito, en continua mudanza. De aí a súa teima en que a literatura infantil (que non inútil) é aquela que, tamén, poden ler os nenos.

Seguir a ler

 

fernandez-paz-retrato-300x273